01/10/2026
Hai uns meses que as portas desta casiña están pechadas e creo que é momento de explicarvos o motivo.
Como sabedes, detrás deste proxecto estou eu, Cris, unha formiga viaxeira que hai case tres anos decidiu cumprir un soño abrindo Casa das Formigas.
Fíxeno con moita ilusión, moitas ganas e a certeza de que quería crear un lugar arredor dos libros, da cultura e, sobre todo, das persoas. Desde entón, este pequeno espazo medrou moito máis do que podía imaxinar. E agora, esa formiga viaxeira ten que atopar tamén a maneira de compaxinar este soño co camiño que a leva cada vez a máis lugares.
En xullo pechei a tenda temporalmente para poder atender o meu traballo fóra, que durante o verán se intensifica especialmente. Chegou agosto e, entre viaxes e traballo, non atopei o momento de volver abrir. E o que nun principio ía ser algo temporal foise alongando máis do que me gustaría.
Sendo completamente honesta, aínda non sei cal será o futuro de Casa das Formigas. Nestes meses valorei diferentes posibilidades: pechar definitivamente, buscar a alguén que puidese facerse cargo da tenda ou atopar unha maneira diferente de continuar.
A día de hoxe non teño unha decisión definitiva.
O que si teño claro é que non quería seguir gardando silencio. Por iso, polo momento, Casa das Formigas continuará aberta dunha maneira diferente.
A tenda non recuperará de momento o seu horario habitual, pero seguiremos abrindo as portas para as actividades culturais programadas. Haberá presentacións, encontros, libros, conversas e todos eses pequenos momentos que, desde o principio, deron sentido a este lugar.
Durante as actividades tamén poderedes mercar libros e facer encargos.
É unha maneira de darnos un pouco de tempo: a min, para decidir con calma que facer co proxecto, e á Casa das Formigas, para seguir sendo ese espazo cultural e de encontro que construímos entre todas.
Non sei aínda se isto é unha pausa, un cambio de rumbo ou o principio do final. O que sei é que non quero despedirme antes de tempo.
Grazas por estar aí e por facer que Casa das Formigas fose moito máis ca unha tenda de libros, sen vós non tería sido o mesmo.
Cris.